Era o ano 2000, no mes de Agosto, un dezasete, non un día calquera.
O lugar, a cidade do Lérez.
Nesa ocasión foime presentado por Gonzalo Gómez, Xosé Luis Bóveda, fillo de Alexandre.
Neses días Gonzalo, Xosé Luis e outros andaban a armar a Federación de Pensionistas e Xubilados da CIGA.
Despois dos actos de homenaxe e lembranza ao seu pai e ao esforzo comunal dos que loitaron polo Estatuto do 28 de Xuño de 1936 e a todos os represaliados polas armas alzadas, fomos ao Cafetín, na Alameda Pontevedresa.
Entoamos algúns cantos. E falamos. Falamos de que para o 2003 cumpliríase o centenario do nacimento do seu pai.
O que eu non sabía e que, daquela residindo en Pontevedra, para o 2003 habería de me topar en Puerto del Rosario, capital da Illa de Fuerteventura.
E que nese ano constituiríamos a Asociación Sociocultural Alexandre Bóveda Fuerteventura e que eu sería o seu Presidente.
Nese 2003 recuperaría o contacto dende Canarias con Xosé Luis e coñecería na distancia ao historiador Uxío Breogán Diéguez, quén traballaba arreo polo éxito do centenario.
Xa de volta a Galicia, e novamente a Pontevedra, no 2012 coñecería ao seu sobriño Valentín Bóveda, quén lle tomara o relevo, e dinamiza hoxe a Fundación.
Neste día de loito transmitimos as nosas condolencias á familia e desexamos que non pereza o esforzo de Xosé Luis por preservar a memoria do seu pai Alexandre.