sábado, 22 de agosto de 2015

Oftalmólogo Antón Beiras

Hoxe topéime no Paseo de Alfonso Xll, por frente da Oliveira, emblema da nosa cidade, ao amigo Julio Alonso.

Ven ao caso porque derivando na conversa, démonos coa memoria do oftalmólogo Antón Beiras, eminencia no tratamento e corrección do estrabismo.

Eran mediados os anos sesenta do pasado século, eu e o meu irmán, na compaña da nosa nai, pasamos longas horas na súa consulta de Policarpo Sanz agardando o efecto dunhas pingas que sempre me amolaban.

Recordo que nos deixaba xogar a fútbol no corredor para entreter a espera.

Naquela consulta había cadriños de Castelao pendurados da parede. Nun deles, dous labregos parolaban: Aos señoritos non lles gosta a choiva, pro góstanlle ben as patacas.

Antón Beiras falaba sempre en galego. Lembro tamén agarimosamente as súas enfermeiras Mari Carmen e outra moi noviña naquela altura, chamada Sili.

Antón Beiras, a maiores de bon médico e cirurxán, era inventor. Tiña trebellos da súa factura instalados na clínica. Pero o que lle deu sona foi a invención do chamado Vigoscopio.

A min víñame recoller a casa nun Citroën dous cabalos, no que levaba coellos operados da vista nunhas gaiolas, para o tratamento do estrabismo co Vigoscopio, no Colexio Fogar de San Roque, coido que por aquela da Caixa de Aforros Municipal de Vigo.

Alí traballaba, me parez, para o ilustre doctor algún especialista en electrónica da Escola da Armada.

Asemade o noso Antón Beiras era moi atento con todos e reteño na miña memoria unha situación na que unhas xitanas tentaban ser atendidas sen cita. Un pequeno balbordo, algo de liorta con Sili e Maricarmen.

De súpeto, a figura imponente do inesquecíbel Antón Beiras resolvendo a situación, dando atención inmediata a aquelas pacentes impacentes.

Un día a miña nai comentou que estaba moi maliño e xa non o volvemos ver máis. A morte levouno con presa.
Eran finais dos sesenta, quizáis o sesenta e oito.

Eu seguín tratamento do meu estrabismo co doctor Malvar Senra, quen para me animar agasallárame cun libro de contos ilustrado, entre os que recordo, non sei por qué,  Destripaterrones.

O doctor Antón Beiras deixóunos a todos moi atristurados e unha grande pegada na cidade de Vigo e na Comunidade Galega e científica.
Por certo, ¿onde se atopará o Vigoscopio? .

No hay comentarios:

Publicar un comentario